Política de privacidade de Actaria
Última actualización: 1 de outubro de 2026
Resumo nunha frase: Actaria non ten acceso a internet, así que non pode enviar a ninguén nin o audio das túas xuntanzas nin a súa transcrición nin as súas actas; todo queda no teu teléfono.
Responsable do tratamento
- Denominación social
- Tecniart Galicia, S.L.
- CIF / NIF
- B27432525
- Domicilio social
- Alameda Xavier Costa Clavell, nº 3, 27500 Chantada (Lugo), España
- Correo electrónico
- info@tecniartgalicia.com
Que datos recollemos
Ningún. Non hai contas, nin rexistro, nin analítica, nin publicidade, nin informes de erros automáticos.
Non é unha promesa que teñas que crernos: Actaria non pide o permiso de acceso a internet. Podes comprobalo na ficha de Google Play e nos axustes do teléfono. Sen ese permiso, o sistema operativo impídelle enviar nada a ningures.
Que garda a aplicación, e onde
Na memoria privada da aplicación, á que só ela pode chegar: o audio das xuntanzas que gravas ou importas, a súa transcrición, o borrador de acta, os datos que escribas de cada xuntanza (órgano, lugar, asistentes, orde do día) e os teus axustes.
Bórrase cando borras a xuntanza, cando usas «Borrar todas as xuntanzas» ou cando desinstalas a aplicación.
A transcrición e a acta fanse dentro do teléfono, con modelos que se executan nel. Nada diso pasa por ningún servidor, nin o noso nin o de ninguén.
A copia de seguranza de Android
Os datos de Actaria están excluídos da copia de seguranza de Android e do traspaso a un móbil novo. As gravacións conteñen a voz doutras persoas e preferimos que non saian do teu teléfono de ningunha maneira. Se cambias de móbil, exporta antes as actas que queiras conservar.
Cando sae algo do teléfono
Só cando ti o compartes: ao exportar unha acta en PDF, Word ou texto, ou a transcrición, escolles con que aplicación compartila (correo, mensaxería, almacenamento na nube…). A partir de aí, ese ficheiro réxese polas condicións da aplicación que escollas.
Por iso a ficha de Seguridade dos datos de Google Play declara como «compartidos» os contidos que ti exportas, aínda que Actaria non recolle ningún dato: o ficheiro pasa de Actaria a outra aplicación do teu propio teléfono, e só cando ti o pides.
Os modelos
Os modelos que entenden a voz e redactan a acta descárgaos Google Play como parte da aplicación, igual que descarga a propia aplicación. Actaria non se conecta a ningún sitio para obtelos.
Permisos que usa a aplicación, e para que
Micrófono: para gravar as xuntanzas que ti inicias, tamén coa pantalla apagada, ata que premes Parar. Mentres grava, Android amosa o indicador de micrófono e unha notificación permanente.
Notificacións: para amosar que estás gravando, o progreso da transcrición e o aviso de que a acta está lista.
Manter o teléfono activo e servizos en primeiro plano: para que a gravación e a transcrición sigan coa pantalla apagada.
Acceso a internet: NON se pide.
Non se piden localización, contactos, cámara nin acceso ás túas fotos ou ficheiros. Para importar un audio, escolles ti o ficheiro no selector do sistema ou compárteslo desde outra aplicación.
Gravar outras persoas
Unha xuntanza ten máis participantes ca ti. Antes de cada gravación, a aplicación pídeche confirmar que avisaches as persoas asistentes. Obter o seu coñecemento e, cando a lei o esixa, o seu consentimento é responsabilidade de quen grava. A acta exportada inclúe a mención «Xuntanza gravada con coñecemento das persoas asistentes».
Intelixencia artificial
A acta é un borrador redactado por un modelo de linguaxe que se executa no teu teléfono. Pode conter erros: cada punto ligase co momento da gravación do que sae para que o poidas comprobar, e os que non se puideron comprobar aparecen marcados. Os documentos exportados indican que son un borrador xerado con IA.
Menores
Actaria está dirixida a persoas adultas e non está deseñada para menores de 18 anos.
Cambios nesta política
Se unha versión futura cambiase algo do que aquí se di (por exemplo, se chegase unha función que precisase internet), actualizarase esta páxina antes de publicala e explicarase na propia aplicación.