Datos de IP

Correccións

Última actualización: 14 de novembro de 2026

Se xestionas unha rede e a ubicación ou a clasificación que damos dos seus enderezos é incorrecta, podes pedirnos que a corrixamos. Revísaa unha persoa e, se procede, aplícase na seguinte actualización diaria.

Que nos tes que enviar

Escribe a info@argalla.com con:

  • O rango afectado, en notación CIDR (por exemplo, 203.0.113.0/24).
  • O dato correcto: país, rexión e cidade, ou o tipo de rede (acceso, aloxamento, empresa).
  • Unha proba de que a rede é túa: o correo desde o dominio do operador, o contacto que figura no rexistro da rede ou un geofeed publicado por ti.

Non aceptamos correccións de enderezos soltos de usuarios finais: non situamos persoas, só redes.

Se es un operador: publica un geofeed

A forma máis fiable de que todos os servizos de xeolocalización teñan ben a túa rede é publicar un geofeed (RFC 8805): un ficheiro CSV con cada prefixo e o seu país, rexión e cidade.

Para que se poida comprobar que o ficheiro é teu, enlázao desde o obxecto da túa rede no teu rexistro rexional, co atributo geofeed (RFC 9632). Envíanos o enderezo do ficheiro: só o usamos se coincide co que declara a túa rede e só para os prefixos que están dentro dela.

Que facemos coa corrección

  • Revísaa unha persoa. Se falta algunha proba, pedímoscha.
  • Se a aceptamos, pasa a mandar sobre calquera outra fonte para ese rango e queda rexistrada coa súa data e o motivo.
  • Aplícase na seguinte actualización da base, que se fai cada día.
  • Se a rede cambia de mans ou de sitio, a corrección retírase.

Fontes e precisión

As fontes que usamos e as súas licenzas están en argalla.com/datos-ip/fontes, e o erro que medimos cada día, en argalla.com/datos-ip/precision.