Política de privacidade de Oleada
Última actualización: 25 de setembro de 2026
Resumo nunha frase: Oleada non recolle, non envía e non pode acceder a ningún dato teu; todo queda no teu teléfono.
Responsable do tratamento
- Denominación social
- Tecniart Galicia, S.L.
- CIF / NIF
- B27432525
- Domicilio social
- Alameda Xavier Costa Clavell, nº 3, 27500 Chantada (Lugo), España
- Correo electrónico
- info@tecniartgalicia.com
Que datos recollemos
Ningún. Nin teus nin do uso que fas da aplicación. Non hai contas, non hai rexistro e non hai analítica.
Non é unha promesa que teñas que crernos: Oleada non pide o permiso de acceso a Internet. Podes comprobalo ti mesma nos axustes do teléfono, na ficha da aplicación, antes de instalala. Sen ese permiso, o sistema operativo impídelle enviar nada a ningunha parte, fagamos o que fagamos.
Que garda a aplicación, e onde
Todo o que anotas queda na memoria privada do teu teléfono, á que só pode chegar Oleada: a hora de inicio e de fin de cada contracción, a intensidade que lle poñas, as notas que escribas, o teléfono da túa maternidade se o gardas, o nome do bebé se o escribes e os teus axustes. Nada diso viaxa a ningún servidor, nin ao noso nin ao de ninguén.
Son datos sobre a túa saúde e tratámolos como tales: non saen do dispositivo e nós non podemos velos en ningún momento.
A copia de seguranza de Android
Se tes activada a copia de seguranza de Android, o sistema pode incluír os datos de Oleada na copia cifrada da túa conta de Google, igual que fai coas demais aplicacións. Esa copia xestiónaa Google, contrólala ti desde os axustes do teléfono e nós non temos acceso a ela. Podes desactivala en Axustes, Sistema, Copia de seguranza.
Hai unha excepción, e é a propósito: o teléfono da túa maternidade queda fóra desa copia e do traspaso a un móbil novo. É o único dato persoal que garda a aplicación, e preferimos que non saia do teu teléfono de ningunha maneira, nin sequera dentro dunha copia cifrada túa. Se cambias de móbil terás que escribilo outra vez: son dez segundos, e a cambio ese número non viaxa a ningún sitio.
Permisos que usa a aplicación, e para que
Notificacións: só se activas o botón de iniciar e parar na barra de notificacións. Serve para marcar unha contracción sen desbloquear o teléfono. Se non o activas, non se pide.
Vibración: a resposta ao premer o botón grande, para que notes que o toque entrou.
Acceso a Internet: NON se pide. É a razón pola que esta política é tan curta.
Non se piden localización, contactos, teléfono, micrófono, cámara nin almacenamento.
Chamadas de teléfono
Os botóns de chamar a emerxencias ou á túa maternidade abren o marcador do teléfono co número posto. Oleada non chama soa e non necesita permiso para chamar: sempre es ti quen preme o botón verde.
Ese xesto é, para Google Play, «compartir» un número de teléfono: a aplicación entrégallo ao marcador, que é outra aplicación do teu propio móbil. Por iso a ficha de Seguridade dos datos de Oleada declara o número de teléfono como dato compartido e, ao mesmo tempo, di que non se recolle ningún. As dúas cousas son certas: o número non viaxa a ningún servidor, nin ao noso nin ao de ninguén, porque a aplicación non ten acceso a internet. Só pasa de Oleada ao teu marcador, no teu teléfono, e só cando ti premes chamar.
Compras dentro da aplicación
Non hai. Oleada non vende nada dentro da aplicación: non hai subscricións, nin pagamentos únicos, nin funcións bloqueadas. Tampouco se pide ningún dato de pagamento.
Sen publicidade e sen analítica
Oleada non mostra anuncios, non integra ningunha rede publicitaria e non inclúe ningunha ferramenta de analítica. Non hai perfilado nin decisións automatizadas sobre ti.
Como borrar os teus datos
Desde a propia aplicación podes borrar calquera contracción ou rematar unha sesión. Para borralo todo dunha vez, desinstala Oleada ou entra en Axustes, Aplicacións, Oleada, Almacenamento e preme Borrar datos. Como nada sae do teu teléfono, con iso desaparece ata o último dato.
Menores
Oleada non está dirixida a menores de idade e non recolle datos de ningunha persoa, sexa cal sexa a súa idade.
Os teus dereitos
O Regulamento Xeral de Protección de Datos recoñéceche os dereitos de acceso, rectificación, supresión, limitación, portabilidade e oposición. No caso de Oleada exércense sós: como non temos ningún dato teu, non hai nada ao que acceder nin nada que poidamos rectificar ou suprimir por ti. Se aínda así queres escribirnos, tes o noso correo máis abaixo.
Aviso médico
Oleada non é un produto sanitario (dispositivo médico) e non diagnostica, trata, cura nin prevén ningunha enfermidade nin condición médica. As regras 5-1-1 e similares son orientacións xerais de uso común. Consulta sempre a túa matrona, o teu médico ou a túa maternidade e, ante calquera dúbida, chama.
Cambios nesta política
Se algún día cambia, publicarase aquí coa súa data. Se o cambio afectase a datos persoais, avisaríase dentro da propia aplicación.